| |
|
|
|
|||||||
|
Afortunadamente xa non se oe dicir, como sucedía hai uns anos, que a Terra Chá é unha comarca con pouco Patrimonio Histórico, unha terra con só certo interese etnográfico e, iso sí, con grandes referencias literarias. Se nos fixamos no actual concello de Castro de Rei, veremos que o Patrimonio Cultural agroma onde queira que se busque e aínda sen percuralo demasiado, o que non quere dicir que non precise de máis e mellores estudos e, endebén, de moita máis protección e maior promoción e difusión. pois estamos diante de documentos históricos irrepetibles e, ademais, de elementos e conxuntos do Patrimonio Cultural de todos, é dicir, con finalidade e con disfrute social. Hai uns seis mil anos os chairegos de entón (xa agricultores e pastores) empezaron a enterrarse en túmulos megalíticos, utilizando a eito as penichairas desta comarca, e así atopamos mámoas, medorras, medoños ou antas e dólmenes en Rozas, en Xustás, en Leontia, en Castro de Ribeiras de Lea, etc., por citarmos soamente unhas cantas zonas onde aínda quedan restos visibles daquelas tumbas. A Cultura Castrexa, fundamental para entender a formación da etnia e da paisaxe galega, está aquí, como en toda Galicia, moi ben representada. Amais de Viladonga, castro senlleiro pero neste caso ocupado en época galaico-romana tardía (hai uns 1.700 anos) e co seu Museo ó carón, abonde citar só uns exemplos coma os castros de Duarría, Goberno, Loentia, Balmonte, A Escrita ou o mesmo Castro de Rei. Algúns daqueles castros foron reaproveitados e re-fortificados en época medieval para servir de castelos e torres feudais, como ben exemplifica o propio Castro de Rei, que tivo fortaleza ligada á casa dos Condes de Lemos. Xuntemos a esta vella historia o patrimonio de carácter relixioso e de interese. |
|
||||||||